Diara e o seu “Mundo de Cores”

 

Din que as nenas e os nenos crean a humanidade e, para crear, precisan cores distintas para pintar o mar, os peixes e a lúa, para debuxar un sol e unha mazá. Cantas máis, mellor, porque nada é branco e negro no mundo da creación. Os creadores e creadoras gostan de misturalo todo, a música e o baile, o doce e o amargo, as árbores e as estrelas, as bolboretas e os edificios. E desta mistura de cores, de sabores e de sons fan nacer unha nova realidade, unha cor diferente, unha nova palabra.
Todo xunto, unido para crear un mundo no que o amor non caiba en catro fronteiras.

Dedicado a Diara e a todas e todos os creadores da humanidade…

Ana Díaz Romero. Prólogo do conto Mundo de cores