Recuncho de experiencias

Trátase dun recuncho onde os nenos/as se poñen en contacto coa investigación. Observan, manipulan, traballan os sentidos (a vista, o tacto, o oído, o gusto e o olfato), xeran hipóteses, observan os cambios que experimentan os obxectos cando son manipulados, ou polo simple paso do tempo, e elaboran conclusións.

O traballo por recunchos é un traballo en pequeno grupo (entre 4-5 nenos/as) que, ademais dos obxectivos da propia tarefa permite desenvolver a capacidade de traballar en equipo, e de coidado e orde do material común.

As tarefas que se formulan para o traballo nos recunchos soen ocupar uns 20 minutos, que se poden completar ata unha hora cos tempos de preparación do material antes de comezar, e poñer en orde o material unha vez que se remate.

Qué é o que flota?

OBXECTIVOS

TAREFA

RECURSOS

• Achegarse ao concepto de flotación e familiarizarse con materias que flotan e que non flotan.

• Espertar o interese polos experimentos.

• Afianzar a capacidade de observación, e de práctica a través do ensaio-erro.

Con elementos propios da cultura Senegalesa e Galega, os nenos/as experimentarán nun recipiente cheo de auga, que materiais flotan e cales non flotan. Os nenos/as manipularán, compararán e emitirán xuízos.

Os materiais deben estar clasificados polo seu lugar de procedencia, e unha vez que se remate a actividade, os nenos deberán volvelos ao seu lugar.

Debe procurarse que haxa materiais comúns a ambos contextos, e non só diferentes.

Recipiente para a auga, mandilóns de plástico, auga, area, cunchas, corcho, follas de árbores, moedas, aceite, terra, sal, botellas, esponxas, culleres, etc.

Horta multicultural

-Adquirir un espírito crítico. Aprender que é bo preguntarse o por que, como,  cando… dos fenómenos que se producen no seu entorno, e así poder desprenderse do pensamento máxico e finalista típico da súa idade.

-Achegarse ao coñecemento e á experimentación das Ciencias dende unha idade temperá. Establecendo unha base para un futuro coñecemento científico.

-Coñecer mellor o medio físico. Tanto o que os rodea como contornas pertencentes a outras culturas e sobre os cales descubrirán variedade de especies, ecosistemas, etc.

-Mellorar o traballo cooperativo.

-Adquirir amor pola natureza e concienciación da importancia do seu coidado.

Partindo do coñecemento dos nosos maiores, internet, libros especializados, informarémonos sobre plantas (decorativas e con froitos) que podemos plantar de Galicia e Senegal, dos climas, dos coidados. Cada grupo de alumnos/as elixirá a súas e procederá a plantar e coidar durante o curso.

A actividade irá a diferentes ritmos en función dos grupos, pois uns precisarán de invernadoiros, que haberá que elaborar, outros de focos de luz, etc.

Utilizarase sempre que sexa posible material de refugallo.

Libros, ordenador con acceso a internet.

Sementes, terra, auga, útiles de xardinería, plásticos, focos de luz, etc.

Tocamos, ulimos e saboreamos

OBXECTIVOS

TAREFA

RECURSOS

– Afianzar a capacidade de observación, manipulación e xeración de hipóteses.

– Afondar no coñecemento e valor das culturas galega e senegalesa.

– Uso dos sentidos para achegarse á realidade.

Colocaremos unha caixa pechada na que só se poida meter unha man obxectos propios de Galicia e Senegal que obteremos coa colaboración dos pais.

Cada neno irá metendo a man e agarrará un obxecto que primeiro describirá sen velo e logo sacará, para que entre o grupo podan debater  sobre o que é ou que pode ser (tocarán, ulirán, saborearán).

Finalmente deben colocar o obxecto  nunha caixiña Galega, Senegalesa ou Senegalega, que previamente deben ter etiquetado e decorado coas respectivas bandeiras e fotografías de paisaxes típicas.

Catro caixas, fotos, tapices e pinturas para a súa decoración e etiquetación.

Anacos de diferentes teas, botellas con auga doce, con auga de mar, bolsiñas con especies, con herbas, con area, follas de árbores, fotografías de paisaxes, fotografías de monumentos, etc.